Lontreira – Cool Nenas
Ademais de ser unha praia abrazada polo océano atlántico, Lontreira é o nome co que tres galegas bautizaron o seu proxecto.
Coma unha nova filla do sol mostraron ao mundo o seu recén nado proxecto en 2022: tres lontras poetisas e rítmicas predicando odas á natureza é aos ritmos e arritmos.
Os seus 14 primeiros desafogos e alabanzas ó todo recóllense en “Apnea”, primeiro álbum do grupo. En desacordo con limitarse á estrutura tradicional dun disco, decidiron intercalar interludios poéticos con cancións de estilos variados pero conectados entre si.
“Apnea non deixa de ser unha epopea subxectiva a través dun bosque no que as rás son sabias e as ponlas teñen ritmo”
Os seus integrantes defenden o seu estilo como electro pop, aínda que os xéneros que tocan son totalmente variados, chegando a misturar o tradicional con chiscos latinos ou temas totalmente electrónicos.
Lontreira está formado por tres nomes propios que converxeron entre tres pobos rurais e a música de Vigo.
Héctor Rodríguez “Rotce” é dj e produtor musical de varios proxectos e artistas, entre os que se atopa este pequeno fogar de lontras.
Naceu en Moaña e comezou os seus estudos musicais na escola municipal.
Descubriu a súa vocación na música e centrou os seus estudos posteriores neste sector.
Adriana Cores pon voz ás súas historias e narra a epopea que en liñas superiores se menciona. Naceu na Illa de Arousa e os versos ruminantes que invaden a súa mente refírense sempre a ela.
Iván Barral é de Meis e trocou o seu Scalextric por unha guitarra que o atrapou para sempre.