The Rapants

The Rapants son actitude, talento e diversión. Unha banda que surfea entre o pop, o garage e o disco que amosa un directo sen descanso co obxectivo de facerche bailar sen prexuízos cada sábado. A banda nada en Muros (A Coruña) no ano 2018, presenta unha singular formación con dous Vocalistas e un total de catro músicos, o que lles permite empregar diferentes rexistros nos seus temas en galego e castelán.

Tras varios intentos en diferentes bandas Samuel (Rapante) e Xanma, incorporan ao seu proxecto a Matías e Xaquín dando vida ao que hoxe en día significa The Rapants, unha banda de músicos e amigos que desexan compartir a súa música sempre cun sorriso.

Despois dun 2021 no que a banda se subiu a escenarios de toda Galicia con 16 concertos en salas e festivais, The Rapants presentarán a partires do mes de marzo de 2022 o seu novo traballo Nic Bahia cun directo renovado e coa intención de consolidarse como unha aposta pola singularidade e a frescura das novas xeracións do panorama musical galego.

Seguindo a liña estilística dos seus anteriores singles A Festa Do Meu Enterro e La Mítica, o
proxecto presenta diversas influencias que recordan a xéneros musicais característicos das
décadas dos anos setenta e oitenta. Gravado, misturado e producido por Hevi no seu Laboratorio Soyuz (Trazo), manifesta un dos traballos máis persoais da banda.

En canto ao mástering, este corre a cargo de Cem Oral. Os tres temas en galego que compoñen Nic Bahia veñen cargados de enerxía e ritmos movidos que buscan facer bailar ao público. Quizais a novidade resida na aparición dun maior protagonismo do baixo eléctrico e da batería, ao cal debe sumarse un xogo de guitarras “ochentero”, con delays e chorus que recordan a artistas como The Smiths ou The Cure. Neste tipo de influencias atópase o motivo do bautizo de Nic Bahia, local emblema da historia nocturna de
Muros.

Deste xeito, Luses Led, Oro Plata e a homónima Nic Bahia, conforman un produto afastado de
calquera proposta vista con anterioridade no panorama musical galego. Cunha renovadora esencia “disco” herdada de bandas actuais como “Parcels” ou “The Growlers”, inda que cargada do tradicional descaro de The Rapants, o baile queda asegurado.

Puro talento local que será o sorriso do festival. The Rapants son presente e serán futuro da música galega sen ningún tipo de dúbida.