Ortiga
O máis importante que temos que dicir de Ortiga é que Chicho é bo chaval. Isto é esencial, porque na vida hai moito trapalleiro que é como chamamos en Galicia aos cutres e aos embaucadores. Pero non é o caso de Chicho, dicía. El é un milenial do seu tempo e da súa terra, pero tamén un pouco particular, que se queda na súa casa sen wifi para arreglarse uns merenguiños, que non se instalou o WhatsApp, que vive no seu barrio de sempre, en Santiago de Compostela, xunto a un centro comercial en declive. Chicho, aí, coa súa honestidade e os seus pés no chan.
Ortiga, o seu proxecto musical, non é fácil de explicar si non creciches nas verbenas galegas. Aquí celébranse miles de festas anualmente, só o 15 de agosto hai un cento de verbenas ao mesmo tempo. Nese caldo ferve Ortiga, que sona ao Caribe que trouxeron os nosos migrantes , pero tamén a isto que chamamos música urbana.
O primeiro disco de Ortiga titulouse Chicho y sus Chichas (Ernie Records, 2019) e puxo a este artista no circuíto de festivais, cos seus secuenciadores, os seus pedais, a súa guitarra heavy, a súa riñoneira e así. Porque Chicho segue unha ética proletaria de traballador de base: o público gáñase día a día, alá onde estea, con humildade e menú de churrasco.
Este segundo cancioneiro, Sabes el camino que elegí (Ernie Records 2021), presenta algúns cambios formais con respecto ao anterior. Hai menos autotune e unha paleta musical máis ampla. Con independencia de sons ou patróns, chicho é un bo chaval que mantén a súa esencia e cumpre o programa: aquí vense a menear o bullarengue e sorrir. Nas súas cancións fala de namorarse e desnamorarse, de facer a culleriña e de todas esas cousas que aos demais nos preocupan case tanto como o diñeiro. Chico grava bases que poden sonar en pistas de autos de choque e no Primavera Sound. Canta en castelán coloquial, cos seus vicios diatópicos e xeracionais, pero ás veces canta en galego porque lle sale así.
“A min gústame facer música e o demais dame igual” di Chicho. “Si a música fora fútbol, eu disfrutaría xogando de dianteiro de porteiro ou de linier”
Só queda que volva a música en directo ao Festival das Carrilanas, onde se produce a floración da Ortiga.
